XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

 

A GUARDA, DO 11 AO 14 DE XULLO DE 2019

XIV EncOntro

A Guarda acolleu entre os días 11 e 14 de xullo de 2019 o Encontro de Embarcacións Tradicionais. Nesta 14 edición boa parte dos barcos participantes chegou á localidade do Baixo Miño nunha travesía conxunta desde as Illas Cíes.

A singular localización da Guarda, entre o Atlántico e o río Miño, permitíu mostrar o conxunto de tradicións marítimas e fluviais da zona, xunto co patrimonio galaico-portugués, de enorme riqueza histórica e por moitos descoñecida.

Outra das peculiaridades da cita guardesa é que as embarcacións permaneceron fondeadas, tal e como se facía historicamente no porto da Guarda, no canto de amarradas a peiraos e pantaláns.

Participaron embarcacións de toda Galicia, Portugal, Cantabria, Euskadi e Irlanda. Ademais, o ‘volanteiro’ recuperando pola Asociación Piueiro tivo o seu bautismo de mar. Foi o regatista vigués Javier de la Gándara o encargado da manobra.

GALERÍA DE IMAXES

Resumo en fotografías do XIV Encontro

Durante 4 días, o Porto da Guarda acolleu este evento para mostrar a riqueza e patrimonio do noso mar.

Grazas a todas as persoas e institucións que participaron, ao equipo que conformou o Comité Organizador, ao patrocinio das distintas institucións públicas, así como á colaboración de diversas entidades e colectivos locais, fíxose posible un ano máis o maior evento a favor da protección e promoción da cultura e do patrimonio mariñeiro de Galicia.

O XIV Encontro da Guarda estivo organizado de forma conxunta por Culturmar, a Asociación Piueiro, o Instituto de Estudos Miñoráns e polo Concello a Guarda.

Ademais, contou co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Mar, Medio Ambiente e Cultura e Turismo.

 

Agradecementos en especial a todos patróns e patroas, tripulantes, equipo de voluntariado, mariñeir@s, artesáns, conferenciantes e resto de participantes no XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia