Asociación Cultural Real e Ilustre Cofradía da Dorna

A Asociación Cultural Real e Ilustre Cofradía da Dorna ten o seu xerme en 1948, cando un grupo de amigos comeza a organizar a Festa da Dorna. Nun principio, xorde como un baile benéfico e, ano tras ano, vai medrando como unha onda que se achega á área; sumando actividades culturais relacionadas co mar e outras destinadas á exaltación e promoción da vida e da cultura mariñeiras, todas elas arredor das dornas, un tipo de embarcación típica das Rías Baixas que daquela tamén eran un tesouro para gañarse a vida.

Durante décadas, a R. e I. Cofradía da Dorna funcionou de xeito informal, organizando eventos e actividades festivas e culturais, ata que en 1991 se constituíu formalmente como asociación cultural. Esta transformación permitiulle adquirir unha estrutura oficial e acceder a fondos públicos, reforzando o seu compromiso coa cultura local e co mar.

Para consolidar o seu compromiso coa cultura marítima, en 1993 pasa a formar parte de Culturmar co obxectivo de poñer en valor a cultura marítimo e fluvial xunto con outras entidades afins. A día de hoxe, a Cofradía conta no seu patrimonio con 4 dornas: a Virxe do Carme e a Jalerna (xeiteiras), a Arroutada (polbeira) e a Nai (nai).

Desde a súa constitución como asociación, a Cofradía organizouse en equipos de traballo para xestionar mellor as distintas actividades, desde a Escola de Vela ata a organización de eventos solidarios. Este enfoque permite unha xestión eficaz tanto da Festa como das actividades ao longo do ano, cunha estrutura interna que favorece a participación e o compromiso dos socios, que xa rozan os dous milleiros.

Un dos elementos distintivos da organización, é a Asemblea de Peñas Dorneiras, creada en 1988 e que permitiu unha integración máis activa dos participantes na Festa da Dorna. As peñas, agrupacións de persoas cun interese común polo humor e a cultura, colaboran activamente na comunidade ribeirense e participan en múltiples actividades contribuíndo a manter viva a tradición mariñeira de Ribeira.

Grazas á súa longa traxectoria, ao apoio de peñeiros/as e socios/as, e á súa experiencia organizativa e estrutura consolidada, a R. e I. Cofradía da Dorna acredita unha ampla experiencia na organización de actividades na liña das que conforman o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia o que constitúe unha garantía e un saber facer que achega valor desde o punto de vista loxístico, organizativo e relacional no obxectivo de lograr un novo éxito na xeira de Encontros celebrados desde 1993.

Grazas a todos os participantes, ao equipo que conforma o Comité Organizador, ao patrocinio das distintas institucións públicas así como á colaboración de diversas entidades e colectivos locais, facemos posible un ano máis o maior evento a prol da salvagarda e da promoción da cultura e do patrimonio mariñeiro de Galicia.

Organizan

Patrocinan

Colaboran

Agradecementos en especial a todos os patróns e patroas, tripulantes, equipo de voluntariado, mariñeir@s, artesáns, conferenciantes e resto de participantes no XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia