A segunda posta en común que a Confraría Ibérica do Texo trouxo ao XVII Encontro foi unha espectacular relación de barcos, de todo tipo, nun total de 25 tipoloxías que poboan o río Texo dende a súa desembocadura no esteiro do litoral central portugués até o Texo alto e o denominado Texo español, ultrapasada a fronteira.

Noutro excelso exercicio de erudición e compromiso co patrimonio marítimo portugués, o profesor João Monteiro Serrano foi o encargado de amosar o traballo de pescuda e caracterización de todas estas embarcacións dirixido polo arquitecto Fernando Simoes Dias.

Muletas, bateiras, enviadas, faluas, fragatas, barcos de água acima, barcos dos moinhos, barcos dos moios, canoas, botes, botes de fragata … Estas son algunhas das 25 caracterizacións que foron presentadas cos seus correspondentes planos, fotografías en moitos casos e mesmo instrucións de construción. Un auténtico tesouro gardado en tres publicacións dun innegábel valor documental e cultural. Noraboa á Confraría e aos seus esforzados ‘detectives do patrimonio’.

Na nosa canle de Youtube podes ver a presentación completa: https://youtu.be/nJ8U_Pb51dU