A expedición de Chile no XVII Encontro pechou a súa participación nos espazos de intercambio de saberes cunha conferencia centrada nos problemas que afectan a carpintaría de ribeira na Rexión dos Lagos, na Patagonia chilena.

Participaron Marco Tamayo, funcionario do SERPAT – Servizo de Patrimonio de Chile, antropólogo e coordenador da delegación do país andino no encontro de Ribeira; o representante asociativo das carpintarías de ribeira nesa rexión, Héctor Bustos e o carpinteiro e enxeñeiro naval Hugo Almonacid.

Os tres representantes de Chile coincidiron en sinalar a boa saúde do oficio de carpinteiro de ribeira no seu país, onde a transmisión familiar do oficio e as necesidades da flota artesanal de pesca na zona, composta por milleiros de barcos, xeran unha enorme actividade dos estaleiros tradicionais. A este respecto destacaron como, en comparación co caso español e galego que estaban a coñecer de primeira man, a lexislación en materia de defensa e salvagarda da súa actividade era aínda escasa mais nos últimos meses a carpintaría de ribeira quedou ligada á do sector extractivo do mar ao incluir a súa actividade na lei xeral de pesca de Chile.

Canto aos problemas máis acuciantes para o desenvolvemento da carpintaría patrimonial quedou patente, con exemplos concretos de multas e ‘papeleo oficial’ burocrático, que a falta de espazos no bordo marítimo costeiro estaba sendo un elemento gravemente limitador. Nun contexto de disfunción legal entre o que os carpinteiros necesitan e a protección do litoral marítimo por parte dunha industria que eles defenden é: “altamente sostible, co uso da madeira e os programas de refosteración; culturalmente protectora da súa identidade e económicamente viable”.

Na nosa canle de Youtube podes ver a presentación completa: https://youtu.be/uYZqWLe5Y5A