Coa presenza do mariñeiro, pescador e ‘influencer’ de mar Rogelio Santos Queiruga, para actuar como mestre de cerimonias, pechouse o espazo adicado ás novidades editoriais neste XVII Encontro coa presentación do libro “Un mar de preguntas”, do que é autor o biólogo Javier G. Galdo.

A idea do libro naceu da experiencia das súas intervencións no programa dirixido polo xornalista Xusto López Carril na Radio Galega, e nas que Galdo daba resposta ás cuestións plantexadas pola audiencia semanalmente. Preguntas, dúbidas, explicacións e cuesstións todas elas relativas ao mundo do mar no que o autor desenvolve a súa actividade profesional dende hai moitos anos.

Cun estilo pedagóxico, moderno e moi conectado coas prácticas de comunicación rápida e directa das redes sociais, Galdo enlaza co público máis novo achegando ás súas respostas a unha moi recomendable lectura e aproximación ás principais incógnitas do medio mariño, con acompañamento gráfico sinxelo e eficaz.

A paixón de Galdo polo medio, pola defensa dos ecosistemas naturais da nosa costa, polas actividades tradicionais de pesca e a explotación racional dos recursos agroman en cada liña e cada resposta das moitas que o libro ofrece nun proceloso, limpo e azulado ‘mar de preguntas’, con resposta, que nos viñeron traer a este Encontro de Ribeira. Grazas Rogelio, grazas Javier: medre o mar!

Na nosa canle de Youtube podes ver a presentación completa: https://youtu.be/FVqQpE3SpSI