Dezasete números despois, e no Encontro 17, as cousas do destino quixeron que a Nova Ardentía puidera presentarse na cita de Ribeira á que tamén vai adicada unha parte do seu contido.

No acto interviron para a presentación o coordenador da publicación, Emilio Xosé Insua, acompañado dos membros do Consello de Redacción, Ivone Baptista, Francisco Fernández Rei, Rosa Fernández Otero e Antón Mascato.

Ivone Baptista, que pertence ao equipo da revista dende os seus comezos baixo a dirección de Luis Rei Núñez, destacou na súa intervención o carácter a cada volta máis científico da publicación e o crecemento constante en calidade e cantidade de contidos que experimenta a cada número editado.

Pola súa parte, Rosa Fernández Otero, como principal impulsora da ‘dixitalización’ da Nova Ardentía, cuxos números son accesibles en internet dende o primeiro até o último, quixo incidir nesa necesidade de que os contidos sean accesibles a todo o público para que o maior número de cidadáns sexan conscientes do inxente volume de información que tras máis de vinte anos de historia a Nova Ardentía é depositaria.

Na nosa canle de Youtube podes ver a presentación completa: https://youtu.be/LhLIEqzStQw