O XVII Encontro tamén nos deixou no seu espazo de intercambio de saberes e coñecementos a intervención de Eider Arruti, no nome da delegación vasca de Albaola presente en Ribeira, para presentar a vindeira edición do festival náutico Pasaia Itsas Festibala que se celebra en 2026 na localidade guipuscoana.
O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, para darlles a benvida aos representantes de Pasaia e agradecer o esforzo realizado para estar presentes na vila a onde trouxeron por mar o seu patache Juanita Larando, navegando a vela e remos dende a costa do cantábrico até a Ría de Arousa.
Eider Arruti destacou o papel de unión de diferentes culturas marítimas que representa o Itsas Festibala como plataforma de reivindicación e posta en valor do patrimonio náutico, a historia, a cultura e o noso propio relato como pobos.
A representante de Albaola destacou o carácter internacional do evento e a programación cultural, tanto material como inmaterial, que desenvolverá o porto de Pasaia ao longo dos catro días (do 14 ao 17 de maio de 2026) nos que se celebra e aos que foi convidado a participar todo o colectivo de Culturmar e as asociacións que o conforman.
Na nosa canle de Youtube podes ver a intervención completa: https://youtu.be/lw9YM1WFMhA
