Un dos grandes atractivos da completa expedición chilena presente no XVII Encontro de Embarcacións Tradicinais celebrado en Ribeira foi a presenza da súa embarcación A Chilota, unha tipoloxía propia da Rexión dos Lagos na Patagonia chilena. Sobre este tipo de construción, e as características da navegación nesa zona estrema do mundo, versou a presentación que fixo o patrón do barco, Pascal Carte, nun espazo de intercambio de saberes que rexistrou unha masiva afluencia de público durante os catro días do Encontro.

O mariño debullou as condicións de fortes correntes, ventos duros e climatoloxía estrema na que se desenvolve tradicionalmente a pesca artesán e a navegación no Pacífico sur. Desenvolveu un completo argumentario de valores positivos (ecolóxicos, culturais, educativos e sociais) que atesoura a defensa do patrimonio náutico nas comunidades do sur patagónico. Un asentamento humano con máis de 10 mil anos de historia dende os poboamentos prehispánicos (tehuelches, selk’nam, yaghan,, kaweskar ou mapuches) e sempre relacionado co mar e a navegación como cerna da súa cultura.

Na nosa canle de Youtube podes ver a conferencia completa: https://youtu.be/yu3cBZtn5Rk