O folio, o sistema de rotulación da matrícula dos barcos, nunca fora considerado como un elemento de deseño destacado, orixinal, de valor artístico ou mesmo identitario. Nunca, até que no Grove alguén, nomeadamente Lino Prieto e Rubén Prol, consideraron que o traballo, a orixinalidade e a delicadeza posta por Raúl Fontoira [nacido en realidade Ricardo Fontoira n’O Grove en 1938] durante anos para afoliar os barcos que lle encargaban tiña todo iso e máis.
Así o puxo de manifesto durante o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia Rubén Prol, un dos creadores da Tipografía Fontoira, un código de letras e números, unha presada completa de caracteres cun deseño moi peculiar saído da mente, da arte e das mans do señor Fontoira. Parte xa dunha cultura marítima local, os ‘letreiros’ de Fontoira teñen agora como tipografía unha aspiración global, definida e de poderoso arrecendo marítimo. Un patrimonio máis da nosa costa escrito letra a letra.
Na nosa canle de Youtube podes ver a conferencia completa: https://youtu.be/9TPgNFJ2c9s
