Ribeira será a sede do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará entre os días 17 e 20 de xullo de 2025. Deste xeito, o Encontro volve ás súas orixes xa que foi nesta vila onde se celebrou no ano 1993 a primeira edición, comezo dunha xeira de éxito que en 2025 cumpre 32 anos de vida.
Na organización deste 17 Encontro traballan xa desde finais do ano pasado a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial – Culturmar – , o Concello de Ribeira e a Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira. Hoxe presentaron conxuntamente o cartel oficial e o vídeo promocional do evento, xunto con algunhas das actividades que se levarán a cabo ao longo de catro días.
Os organizadores prevén unha gran asistencia de barcos. Estiman poder alcanzar as 150 embarcacións que chegarán a Ribeira desde distintos puntos da península, de Europa e incluso de América, cunha delegación que nos visitará desde Chile.
O presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, lembrou que este XVII Encontro “volve á casa” despois de 32 anos. Durante estes días, serán moitas as asociacións e colectivos que presentarán en Ribeira o seu traballo ao tempo que a vila “exhibirá ao mundo o seu patrimonio”. “Ribeira presentarase ao mundo e o mundo presentarase en Ribeira”, concluíu.
Sacau quixo facer un chamamento á participación cidadá para que decore as casas e balcóns con motivos mariñeiros “para que Ribeira sexa o epicentro da cultura marítima a nivel mundial”. Tamén destacou a importante labor do voluntariado, “unha das pezas básicas dos encontros” e anímaos a facelo para “que se sintan partícipes da festa”.
O alcalde, Luís Antonio Pérez Barral, dixo que era un orgullo para Ribeira acoller esta 17 edición do Encontro. “Volvemos a recuncar e queremos que o pavillón quede moi alto”, afirmou. O rexedor explicou que durante varios días a vila será “un fervedoiro de xente” o que lles permitirá dar a coñecer o seu patrimonio marítimo, cultural e gastronómico. “Somos unha potencia pesqueira a nivel mundial e temos que traballar para que as novas xeracións aprendan que o mar ten un potencial que debemos preservar”, afirmou Pérez Barral, quen sinalou que “entre os días 17 e 20 de xullo, vaise ver a todo un pobo unido festexando de onde vén e, sobre todo, a onde quere ir”.
Pola súa banda, o presidente da Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira, Juan José Segade, explicou o forte vínculo de Ribeira coa tradición mariñeira: “A nosa cultura saíu do mar e aínda hoxe en día somos un punto neurálxico da tradición marítima”, sinalou.
Ao remate da presentación, visionouse o vídeo promocional, que contou coa colaboración desinteresada do artista local Quico Cadaval, que pon a voz, e de Catuxa Salom, que cedeu a música.
