i Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
RIBEIRA, DO 9 AO 11 XULLO DE 1993
I EncOntro
O I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrouse en Ribeira no ano 1993. Froito desta celebración, no mes de abril de 1994, naceu a Federación Galega pola Cultura Marítima. A organización desta primeira edición do Encontro correu a cargo de varias entidades que xa daquela traballaban arreo na defensa do patrimonio marítimo, e que logo conformarían a Federación. O Encontro de Ribeira de 1993 supuxo o xermolo da gran festa da cultura marítima e fluvial de Galicia que é na actualidade.
O I Encontro foi unha grande exhibición de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas peninsulares e europeas. Ademais de actividades no mar, celebráronse actos culturais e de lecer, conferencias, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía e outras actividades complementarias dirixidas ao público asistente.
O Encontro achega o patrimonio ao gran público, implica a poboación (que aporta de xeito altruista o esforzo organizativo) e o marco natural local, propicia o asociacionismo cultural a prol do patrimonio, fomenta actividades de turismo sostible etc..
GALERÍA DE IMAXES
Resumo en fotografías do I Encontro
Ribeira acolleu no ano 1993 a primeira edición do Encontro
Grazas a todas as persoas e institucións que participaron, ao equipo que conformou o Comité Organizador, ao patrocinio das distintas institucións públicas, así como á colaboración de diversas entidades e colectivos locais, fíxose posible un ano máis o maior evento a favor da protección e promoción da cultura e do patrimonio mariñeiro de Galicia.
O I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia estivo organizado por varias asociacións como a Confraría da Dorna de Santa Uxía de Ribeira; os Amigos da Vela Latina, de Carril; Amigos da Dorna Meca, do Grove; A Buxaina, de Coruxo; a Escola Taller de Carpintería de Ribeira; e o Museo do Pobo Galego.
Ademais, contou co patrocinio do Concello de Ribeira, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, da Consellería de Relacións Institucionais e Portavoz do Goberno Xacobeo 93.
Agradecementos en especial a todos patróns e patroas, tripulantes, equipo de voluntariado, mariñeir@s, artesáns, conferenciantes e resto de participantes no I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia