X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

 

CARRIL, DO 30 DE XUÑO AO 3 DE XULLO DE 2011

X EncOntro

A vila mariñeira de Carril, en Vilagarcía de Arousa, foi a sede do X Encontro de Embarcacións Tradicionais de  Galicia, que se desenvolveu entre o 30 de xuño e o 3 de xullo de 2011. Neste Encontro participaron barcos de toda a costa peninsular. Até Carril achegáronse embarcacións de Andalucía, Portugal, Euskadi e Cataluña, ademais doutros moitos  procedentes de todas as rías galegas.

Durante os días nos que se celebrou o Encontro, en Carril puido verse unha variada tipoloxía de barcos tradicionais de Galicia. A maioría deles eran dornas do máis variado tipo, como as polbeiras, de tope, xeiteiras, mecas e trasmalleiras. Ademais puideron verse goletas e galeóns, acompañados de gamelas, bucetas e bateis. Tamén houbo unha numerosa representación de botes de diferentes tipoloxías, como o polbeiro, o da Ría de Vigo, o da Ría de Ferrol ou o de Carril.

Na cita participaron ao redor de 150 embarcacións e uns 800 tripulantes. Ademais da presenza dos barcos, o programa de actividades incluíu un amplo programa de actividades culturais como exposicións, actuacións musicais, obradoiros e xornadas técnicas. Neste encontro puido verse unha exposición con miles de fotografías de mariñeiros do século pasado ou maquetas de embarcacións. A mostra atopábase na sede do Gato Negro, entidade recreativa de Carril. 

GALERÍA DE IMAXES

Resumo en fotografías do X Encontro

A vila do Carril, en Vilagarcía, acolleu este evento para mostrar a riqueza e patrimonio do noso mar.

Grazas a todas as persoas e institucións que participaron, ao equipo que conformou o Comité Organizador, ao patrocinio das distintas institucións públicas, así como á colaboración de diversas entidades e colectivos locais, fíxose posible un ano máis o maior evento a favor da protección e promoción da cultura e do patrimonio mariñeiro de Galicia.

O X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia estivo organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e a asociación cultural Rompetimóns, de Carril.

Ademais, contou co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das consellerías do Mar e de Educación e Cultura.

 

Agradecementos en especial a todos patróns e patroas, tripulantes, equipo de voluntariado, mariñeir@s, artesáns, conferenciantes e resto de participantes no XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia